O verán de 2020 boteino enteiro traballando como
monitor de tempo libre. Traballei catro quendas da campaña "O verán que necesitas" no campamento de Candilexas, en Boiro, no que
xa estivera en 2019.
Este ano cobrou especial atención o cumprimento dos protocolos de protección do contaxio do coronavirus, co cal foron unhas quendas anómalas, mais non por iso menos interesantes e divertidas: todo o equipo do monitorado esforzámonos en que a rapazada (do máis diversa, de entre 9 e 17 anos) esquecese por unhas semanas os problemas que a covid trouxo consigo e puidese desenvolver actividades de teatro, circo, caracterización, danza, maxia, percusión, arte na natureza, láser x, ximnasia acrobática, xogos de aventura, tiro con arco e excursións. Ademais, creamos e gravamos
esta canción en lingua de signos!
En setembro entrei a traballar no
campamento para persoas con diversidade funcional de Panxón, onde botamos 10 días inesquecibles con rapazas e rapaces do máis variados que nos encheron os días de alegría e ensinanzas.